Terceira Sesión Ana Fontenla

Hoxe publico a terceira entrada correspondente á sesión coa docente Ana Fontenla do martes 30 de xaneiro. Nesta terceira aula tratamos diversos temas, algúns xa coñecidos como as actividades de warmup. Sen embargo houbo dous aspectos que tratamos ao longo da sesión e que me parecen moi interesantes e importantes para a nosa práctica docente. Por un lado saíu unha serie de temáticas moi actuais: as diferentes variables que poden afectar a unha ensinanza de calidade, como poden ser o acceso desigual que poden ter o alumnado aos recursos económicos ou dixitais e o coidado que debemos ter cos diferentes trastornos da alimentación que poden presentar unha cantidade importante de adolescentes na actualidade. Creo que a medida que as xeracións de alumnado cambian e evolucionan enfrontámonos a situacións que cada vez se fan máis e máis complicadas cando as queremos enfrontar na aula. Sen embargo,  na miña opinión estas situacións complicadas poden ter dúas razóns: un profesorado pouco interesado no alumnado, centrado unicamente nas súas sesións e quizais pouco sensibilizado; pero tamén se pode deber á pouco formación que se lle aporta ao profesorado en materia de pedagoxía e psicoloxía. Como ben se estableceu na clase, debemos ter moito coidado e estar sensibilizados por exemplo en materia de trastornos alimenticios cando falamos de vocabulario relacionado coa comida. Por iso creo que unha maneira de enfrontarnos a estes trastornos, cando traballamos este tipo de vocabulario, sería obviamente traballar cos diferentes tipos de comida pero tamén achegando o alumnado á realidade social que viven moitos compañeiros e compañeiras, traballando competencias como a social e cívica. 

Por outro lado, un tema que se remarcou e que creo que todo profesor e profesora de linguas estranxeiras debería ter en conta é, como estableceu a docente Ana, "tratar temas brancos", é dicir, non centrarse unicamente na gramática como leva acontecendo durante anos. Creo que isto afecta principalmente ao profesorado de idiomas como o inglés, xa que todos nos podemos constatalo pola nosa propia experiencia como alumnas e alumnos. Ao longo de todas as sesións coas docentes Ana e Luz sempre se nos insistiu nesta problemática en maior ou menor medida. Ademais, creo que a través de todas as actividades e formas de traballo que nos ensinaron estas docentes queda claro que existen infinidade de maneiras para traballar a gramática sen presentarlle ao alumnado unha serie teórica gramatical á que están xa demasiado acostumados e que pouco os motiva. Outro aspecto que quería mencionar antes de comezar coa reflexión do artigo Is technology transforming education?, é o traballo que fixemos a raíz do libro de texto. Creo que crear unha serie de actividades en base ao libro en grupo afirmou, para min, a grande diferencia e diversidade que pode existir á hora de enfocar unha actividade ou tarefa, xa que no noso grupo fíxosenos complicado, nun principio, chegar a un acordo para levar a cabo a nosa tarefa. Con isto non quero dicir que sexa algo negativo, senón que nos ensina a grande diversidade e as diferentes formas nas que podemos enfocar unha tarefa.




Artigo: Is technology transforming education?

Para rematar esta terceira publicación, farei unha breve reflexión sobre o artigo de Russel Stannard: Is technology transforming education? Para comezar, gustaríame dicir que o autor fai unha reflexión que creo moi acertada e que resume con grande capacidade as diferentes problemáticas ás que se enfronta a educación no século XXI: por un lado se realmente se está a facer unha transformación e innovación da educación; pero tamén trata temas como a implicación do alumnado e a infinidade de requisitos, obxectivos e temáticas que se lles pide ao profesorado dende os currículos. 
Creo que Stannard está moi acertado dende o comezo do artigo, xa que, estamos realmente a innovar mediante as novas tecnoloxías? Pois eu creo que non, obviamente non me gustaría xeneralizar, posto que hai un gran número de profesorado que realmente utiliza as tecnoloxías dunha maneira diferente e efectiva. Sen embargo, metodoloxías como o flipped classroom moitas veces continúan a ser pedagoxías tradicionais que, no canto de innovar, seguen a facer das aulas sesións maxistrais onde o profesorado "stand at the front of the class presenting their lessons from their IWB" (Stannard, 2015), mentres que o alumnado segue a recibir unha cantidade de información teórica que moitas veces é dificilmente asimilable. "Same technology, different use." (Stannard, 2015), creo que esta frase resume perfectamente o que hoxe moitos coñecemos como Educación 2.0, traballamos con diferentes recursos pero coa mesma metodoloxía. 

Aínda que estou moi de acordo co que o autor quere expresar neste artigo, cando chegamos ao punto da avaliación e o feedback, no que Stannard aposta por unha auto-avaliación por parte do propio alumnado, non chego a estar do todo convencida. Obviamente si que creo que se o alumnado se involucra á hora de autoavaliarse, de avaliar a outros compañeiros ou compañeiras, pode axudar a que tomen unha maior iniciativa persoal. Sen embargo, creo que debemos ser moi selectivos coas tarefas que lles pedimos que avalíen; dependendo da dificultade da tarefa creo que deberíamos aportarlles rúbricas, pautas ou instrucións, e no caso de tratarse dunha tarefa demasiado complexa non creo que deban avaliala o propio alumnado. 

En definitiva, concordo en practicamente todo o que Stannard expresa neste artigo. Os recursos, sexan ou non tecnolóxicos, poden resultar útiles e eficaces dependendo de como os utilicemos. Como ben establece o autor: "my feeling is that education hasn’t moved on as much as we think". Ademais, non podemos transformar, innovar se dende os axentes educativos a nivel lexislativo pretenden que o profesorado teña que abranguer unha cantidade de contidos demasiado grandes, mentres que utilizamos unhas novas tecnoloxías coas que debemos innovar sen moitas veces saber como.






Comentarios

  1. Ola Mariña! Moi interesantes as túas observacións. Quería facerche un comentario respecto da túa entrada. Nun momento dado indicas: "Creo que a medida que as xeracións de alumnado cambian e evolucionan enfrontámonos a situacións que cada vez se fan máis e máis complicadas cando as queremos enfrontar na aula". Eu penso que a dificultade non aumenta co paso do tempo, penso que os problemas mudan ou son máis/menos visibles, e iso é o que fai complicado que as/os docentes esteamos ao día e saibamos telo en conta na aula. Eu teño sentimentos encontrados respecto dos temas brancos, porque penso que seguimos a lóxica de que aprendemos se nos emocionamos, paréceme importante pedir que o estudantado reflexione. Isto esixe un esforzo moito maior por parte do profesorado, porque deben preparar cada temática axeitadamente (tanto prevendo posibles complicacións polo perfil da aula como preparando o argumentario de xeito responsable, para poder reconducir de maneira didáctica as opinións máis ou menos escoradas que poidan ir xurdindo).

    ResponderEliminar
  2. Creo que ó final da túa reflexión tocas dous temas crave: curriculum demasiado ambicioso e tecnoloxía que non se sabe aproveitar ben. Bo traballo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Primeira Sesión Ana Fontenla

Terceira Entrada Luz Valencia (06/02/18)

Sesión debate 8/3/2018