Sesións Gonzalo: Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Diario
Para
comezar esta derradeira entrada do apartado Diario para o docente Gonzalo na
materia de Didáctica, gustaríame dicir que estas dúas sesións parecéronme moi
interesantes porque se trataron temáticas que xa eran coñecidas pola maioría da
clase, mais resolvéronse dúbidas e aclaráronse conceptos que non sempre estan
do todo claros. Un exemplo disto foi a terminoloxía que tratamos en relación
cos diferentes tipos de linguas e coas comunidades lingüísticas e de
lingua.
Un
aspecto que me pareceu moi interesante de ambas sesións foron os diferentes
tipos de actividades que se utilizaron: o placemat activity e o diagrama
de Venn. Creo que estas dúas maneiras de traballar foron moi adecuadas para
o contexto no que nos atopábamos, pero tamén nos pode axudar a realizar
actividades similares na nosa propia práctica docente. Isto creo que se debe
principalmente á creación dos continuos debates derivados destas metodoloxías
de traballo, que dependendo do nivel e do tipo de alumnado que teñamos sempre o
imos poder adaptar á temática e ao contexto.
Outro aspecto que me pareceu de grande
importancia foi as distintas variables que afectan ao ensino, en concreto o
ensino de linguas estranxeiras. Creo que a variable que todo docente debería
ter en conta sen dúbida é a das características do alumnado. Por que lle dou
tanta importancia? Pois porque como sempre se nos lembra, tanto a nivel
académico como, agora na LOMCE, a nivel lexislativo sempre temos que ter
presente a máis que coñecida atención á
diversidade. Como teño opinado en numerosas ocasións, incluso en entradas
deste blogue, este concepto é demasiado abstracto se temos en conta o que nos
establece a LOMCE, xa que o concepto explícase, mais as metodoloxías a utilizar
non están para nada claras. No noso caso, o ensino de linguas estranxeiras
dificulta un punto máis o noso traballo, posto que estamos a comunicarnos nunha
lingua que pode ser totalmente descoñecida para parte do alumnado.
Finalmente
tamén me gustaría falar sobre a motivación, un tema que tratamos brevemente
debido á falta de tempo na segunda e última sesión do docente Gonzalo. Creo que
a motivación é un dos piares que soportan a educación, tanto para o alumnado
como para o profesorado. Por un lado o alumnado necesita motivación tanto
intrínseca como extrínseca, mais na miña opinión precísase inicialmente a
segunda para poder obter a primeira. Se o alumnado chega a unha aula onde non
atopa un motivo polo que interesarse e aprender esa materia, a motivación é
inexistente. Por outro lado, o profesorado tamén precisa de motivación, neste
caso máis ben intrínseca, algo que se atopa en completa relación coa vocación
que lles levou a dedicarse a esta profesión.
Comentarios
Publicar un comentario