Primeira Sesión Luz Valencia

Benvidas e benvidos de novo a este pequeno blogue, hoxe comezarei coa primeira entrada para a docente Luz Valencia. Gustaríame comezar facendo unha breve reflexión sobre a aula a nivel xeral, para despois centrarme nos aspectos que me pareceron máis interesantes. Polo tanto, a modo de inicio e como teño establecido na anterior entrada para a docente Ana, quero remarcar a grande importancia de contar con docentes que imparten en secundaria. O motivo do meu interese, como da maioría das compañeiras, débese a que cobra unha gran relevancia ter exemplos directos das diferentes prácticas que podemos adoptar e ás que nos vamos enfrontar no noso futuro. Ademais, na miña opinión é o achegamento máis directo que temos da realidade dunha clase, aportándonos coñecementos prácticos e facendo, polo menos no meu caso, que teñamos unha maior seguridade á hora de utilizar diferentes metodoloxías e recursos que nos poden axudar unha vez comecemos as prácticas no mes de febreiro.



Os puntos que me pareceron máis destacables, interesantes ou controvertidos desta primeira sesión sería primeiro: darlle a importancia que teñen, pero que moitas veces se esquece, do coñecido como bellwork, unha serie de actividades para a finalización da clase que poden axudar a incrementar a motivación, así como á adquisición de coñecementos que se trataron ao longo das sesións. Tamén é preciso destacar a pequena crítica que se lle fixo ás máis que coñecidas presentacións estilo PowerPoint, posto que moitas veces abúsase do seu uso e, en moitas ocasións, este abuso deriva nunha serie de mecanismos repetitivos e obsoletos. Sen embargo, si que estou moi a favor da utilización deste tipo de presentacións na súa xusta medida, posto que un docente pode utilizalos ata a saciedade e basear as súas aulas neste tipo de recursos. Coma todo, os diferentes recursos que temos ao noso alcance creo que se deben utilizar con tino e sempre mantendo un equilibrio, xa que estas presentacións poden ser de gran axuda para que o alumnado sexa quen de expresarse, comunicarse, así como para sintetizar e analizar a información relevante.

Por outro lado, quixera mencionar brevemente a utilización da tradución no ensino de linguas estranxeiras, posto que accedín ao mestrado a través da carreira de Tradución e Interpretación. Esta metodoloxía semella ser de gran utilidade e, de feito, un grande numero de profesorado basea moitos dos seus exercicios na tradución directa. Na miña opinión a utilización deste recurso é esaxerado, creo que a L1 pode axudarnos no comezo do ensino dunha L2, mais a nosa práctica non se pode basear só niso. Como ben se estableceu na clase, a tradución de cancións ou frases feitas é un erro que se comete moitas veces, xa que ao pedir que o alumnado traduza este tipo de frases ou oracións pode levar a equivocacións e malas traducións facendo que perda sentido con respecto ao orixinal. Se pretendemos que o noso alumnado sexa quen de comunicarse e expresarse nunha lingua estranxeira, debemos utilizar outro tipo de metodoloxías, como pode ser a comunicativa, para axudar a desenvolver as súas capacidades e habilidades nun idioma que lles é totalmente descoñecido. Aínda así, a tradución pódenos servir para ensinarlle como, por exemplo, as referencias culturais poden perder sentido ou cambiálo totalmente ao trasladala de lingua.

Finalmente, non podería rematar esta primeira publicación sen mencionar o punto central da clase: as competencias clave. Mais en concreto gustaríame tratar a competencia clave en conciencia e expresións culturais, algo que parece complexo pero que é tan sinxelo como traballar o patrimonio material e inmaterial que temos ao alcance da nosa man. En moitas ocasións esta competencia esquécese ou céntrase únicamente no patrimonio ou cultura dun país anglófono. Sen embargo, creo que a través da metodoloxía por proxectos e cun profesorado concienciado poderíamos traballar infinidade de aspectos que estén relacionados co noso propio patrimonio. Ademais, se engadimos a esquecida ou temida interdisciplinariedade seríamos capaces de crear proxectos que esinen tanto competencias, como coñecementos, pero que tamén involucren ao alumnado no respeto e admiración por un patrimonio moi rico, pero que moitos esquecen. Non teríamos porque crear ou levar a cabo un proxecto de grandes dimensións, un erro que moitas veces se comete cando se quere traballar por proxectos. Hai infinidade de exemplos nos institutos galegos que poderíamos adoptar á nosa práctica docente e que seguirían sendo igual de innvadores que se comezamos dende cero. Na próxima entrada do blogue, na que realizarei o deseño dunha actividade na que se traballen polo menos dúas competencias, tratarei de dar un exemplo que teña como punto central a adquisición da competencia en conciencia e expresións culturais, que agardo que vos sexa de axuda e interese.

Comentarios

  1. Unhas puntualizacóns:
    Bellwork refírese a actividades do comezo, non do fin das clases. Achego un enlace para explicar mellor isto: https://www.tutor2u.net/business/blog/bellwork-what-is-it
    Falaremos do uso/abuso das TAC e tamén do uso da L1na sesión final de debate. Recomendo que mires a actividade que propón Susana Cortizo no seu blog, que é xusto traducir unha canción, parecéume moi interesane.
    Por outra parte, unha moi boa reflexión, gracias.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Entrada sesión Ana Fontenla e Luz Valencia (7/02/2018)

Tema 6. Diario: EDUlingüe 2020

Sesión debate 8/3/2018