Tema 6. Dossier
Esta sesión comezámola falando dos estándares de avaliación, criterios e obxectivos da programación didáctica mediante unha táboa que nos ensinou o docente Gonzalo. Ademais, vimos un vídeo dun docente na plataforma Youtube sobre estes elementos de deseño curricular e unha serie de ferramentas que nos axudan á hora da avaliación como a plataforma IDOCEO.
Posteriormente pasamos a falar dos diferentes puntos das programacións das Escolas Oficiais de Idiomas da Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra e Ourense. De novo utilizamos a plataforma de Google Drive para comentar unha vez máis as deficiencias e puntos fortes de cada programación. Neste caso, a maioría das EOIs tiñan grandes deficiencias na súa programación, en puntos como a avaliación ou a temporalización. Sen embargo, destacan a grande calidade das programacións nas escolas das cidades de Santiago e Pontevedra.
Seguidamente, pasamos a tratar o tema 6: a metodoloxía CLIL/AICLE. Coma sempre comezamos dun debate piramidal sobre a diferencia que existe entre as seccións bilingües e as seccións plurilingües, aínda que non tiñamos moi claro as diferencias entre ambas. Seguindo nesta liña, en parellas tivemos que comentar o documento do proxecto da Xunta de Galicia Edulingüe. Un plan que pretende destinar case 70 millóns de euros a "estender o plurilingüísmo a 200.000 alumnos e promover o seu ensino integral dende infantil ata a universidade". O debate que se realizou foi bastante intenso e as conclusións que sacamos é que se pretende deixar de un lado ao profesorado de linguas estranxeiras obrigando aos docentes doutras materias a ensinar nun idioma no que moitas veces non son capaces de acadar o nivel necesario.
A sesión rematou cunha presentación da nosa compañeira María, onde continuou a falar un pouco máis sobre a metodoloxía AICLE, utilizando un proxecto da Junta de Andalucía sobre as enerxías renovables como base e explicando as actividades a realizar en torno a este proxecto.
Comentarios
Publicar un comentario