Tema 5: as programacións didácticas vixentes. Dossier
Nesta segunda sesión co docente Gonzalo Constenla rematamos as conclusións da anterior sesión que tíñamos pendente no mencionado Google Drive da anterior entrada do dosier. Mais esta sesión centrouse en tratar as programacións didácticas vixentes, tanto nos centros educativos como nos centros de réxime especial. Para isto levamos a cabo unha actividade co xa coñecido programa Kahoot, no que tratamos as linguas estranxeiras no ensino de réxime especial. Neste caso a actividade non foi en grupos, realizámola individualmente o que fixo que houbera unha competitividade moito máis grande que na anterior sesión. Pareceume moi interesante posto que se evidenciou a deficiente información e coñecementos que temos sobre as Escolas Oficiais de Idiomas. Un punto que me pareceu bastante interesante foi realizar anonimanete a actividade o que fixo que algúns nos sentíramos moito máis cómodas á hora de respostar.
Seguidamente, para introducir o tema 5 das programacións didácticas vixentes levamos a cabo un debate piramidal que xa coñecíamos da primeira sesión. Neste debate debíamos elixir tres elementos que nos pareceran importantes dentro das programacións, no noso caso non fomos capaces de chegar a unha conclusión clara polo tanto eliximos unha serie máis longa de elementos entre os que se atopaban: temporalización, adaptacións curriculares e atención á diversidade, a secueciación de contidos e os recursos precisos para levar a cabo a nosa programación. Mais tamén se falou de obxectivos, do PEC e da metodoloxía a utilizar.
Posteriormente, procedemos a facer un debate sobre os diferentes elementos dunha programación curricular, algo do que xa tiñamos idea da primeira materia do mestrado de Deseño curricular e organización de centros educativos. Unha vez feito un listado de todos os elementos, procedemos a dividirnos en grupos e a buscar unha programación didáctica en liña a través do buscador de centros da Consellería de Educación. Logo disto deberíamos proceder a utilizar como checklist o Capítulo V da Resolución do 20 de xullo de 2017 e incluir os nosos comentarios no Google Drive Observación programación. No noso caso utilizamos a progamación didáctica da materia de inglés, do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo. A nosa valoración xeral desta programación foi a seguinte: "Destaca o grande caos que reina en toda a programación didáctica. Semella máis un copia e pega directo da PEC. Faltan por incluír elementos básicos de toda a programación didáctica."
En definitiva, unha cousa que podemos sacar en claro desta sesión é que a creación dunha programación didáctica nunca é fácil, mais non se pode pretender facelo ben simplemente copiando e pegando do currículo ou do proxecto educativo de centro. Un grande exemplo dunha programación ben feita foi a que analizaron as nosas compañeiras do IES Santa Irene, cunha programación completa e adecuada á materia.

Comentarios
Publicar un comentario