Tema 4: O deseño curricular. Dossier
Nesta primeira sesión co docente Gonzalo Constenla presentóusenos brevemente os contidos que trataríamos ao longo das sesións desta materia. Posteriormente realizamos catro actividades diferentes en relación co tema 4: o deseño curricular.
Por un lado, a primeira actividade consistiu en levar a cabo un debato piramidal sobre que parte da materia consideramos máis importante ou interesante. Esta actividade comezou cun debate en parella e foi incrementando o número de persoas integrantes do grupo ata chegar ao que consideramos o grupo-clase, no que foi un tanto complicado chegar a un acordo sobre a temática máis importante desta materia. Por outro lado, a segunda actividade foi un segundo debate piramidal no que nos centramos na pregunta "Que é o currículo?", no que obviamente tratamos a programación e o deseño curricular e todos os seus elementos. Esta forma de traballo pareceume bastante interesante posto que podemos contrastar diferentes ideas e incluso chegar a cambiar as nosas propias. Sen embargo, tamén creo que é unha metodoloxía que aínda que apoia a comunicación non a mellora, xa que as persoas que se poderían considerar menos faladoras ou máis tímidas sempre tenderán a non falar tanto como outra persoa que non sente vergoña.
Seguidamente, entramos na temática de golpe, a través dunha actividade moi dinámica e dixitalizada coa plataforma Kahoot e mediante os nosos dispositivos móbiles. Esta actividade consistiu nunha especie ou tipo de pequeno exame tipo test que facíamos en grupos e que estaba composta por 28 preguntas con 4 respostas diferentes. A través desta actividade puidemos comprobar os nosos coñecementos sobre o deseño curricular, unha temática que xa tratáramos na primeira materia que tivemos no mestrado. Persoalmente, considero que esta actividade propiciou a participación e competitividade entre todos nós, mais tamén nos fixo darnos conta do pouco (no meu caso) ou moito que sabíamos. A pesar da dinamización e innovación desta actividade creo que nunha clase de secundaria podería presentar diversos problemas en canto á atención e motivación do alumnado, polo tanto tería que utilizarse sempre na súa xusta medida.
Finalmente a última actividade consistiu en recompilar información en grupos de máis ou menos catro persoas nun Google Drive, tratábase dun cuestionario sobre As linguas estranxeiras no currículo da LOMCE. No meu grupo en concreto tivemos que tratar dous puntos: o 5.2 As linguas estranxeiras na organización da ESO e o 5.3 Características xerais da avaliación das linguas estranxeiras da ESO na LOMCE. Con respecto ao 5.2 fomos capaces de conseguir a seguinte información:
Anexo IV do Decreto 86/2015 : 3 horas á semana os 4 cursos (Troncal)
b) Segunda lingua estranxeira (cursos, ciclos, horas, modalidades):
Anexo IV do Decreto 86/2015
1º e 2º: 2 horas á semana (Troncal)
3º: 2 horas á semana (Materia específica de opción)
4º: 3 horas á semana (materia específica de opción)
E o noso comentario grupal foi que "Posto que a LOMCE pretende educar a un alumnado nun mundo actualizado, tendo en conta a evolución nun mundo totalmente globalizado, cremos que as horas adicadas ás linguas estranxeiras non concorda coa vontade desta lei para vivir nunha sociedade cambiante e multicultural.". En canto ao punto 5.3 atopamos a seguinte información:
- Os estándares e criterios de avaliación atópanse nos anexo I e II do Real Decreto 1105/2014.
- A avaliación será continua, formativa e integradora
- Adaptaranse as avaliacións segundo as características individuais do alumnado, incluída a avaliación final de etapa e o alumnado con necesidades educativas especiais
- O profesorado avaliarán as aprendizaxes, os procesos e a súa práctica docente.
- O alumnado terán dereito a unha avaliación obxectiva.
- Boa práctica do equipo docente
- as administracións educativas regularan as condicións das probas extraordinarias e programas individualizados
E o noso comentario grupal correspondente foi que: "Son unhas características demasiado xerais e abstractas como para aplicalas a dúas materias relacionadas con linguas estranxeiras. Ademais, unha cousa é a formulación destas características en formato papel a través dunha lei, outra é poder aplicalas con éxito na práctica diaria dos centros educativos, algo que se ve moitas veces dificultado polas trabas burocráticas."
Esta derradeira actividade creo que foi a máis densa de todas, posto que se trata dun tema bastante complicado e non tan dinámico como un debate ou o traballo con Kahoot. En xeral, agradeceuse unha sesión introdutoria tan dinámica e diferente que captou a nosa atención e motivounos para continuar a aprender e interesarnos pola materia.
Comentarios
Publicar un comentario