Tema 4: o deseño curricular. Diario
Nesta primeira sesión co docente Gonzalo Constenla da materia As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional tratamos un tema tan complicado e denso como é o deseño curricular. Esta primeira sesión fixo que nos déramos conta, na miña opinión, do pouco que sabiamos e do moito que debemos aprender sobre o contexto e os elementos esenciais do currículo e do seu deseño.
Pero que é o currículo? Na aula establecemos que este é a base lexislativa onde se integran os elementos a impartir nun curso. Mais oficialmente trátase da "regulación dos elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada unha das ensinanzas". Poderíase dicir que o currículo é a base da educación e do que se debe impartir nunha aula, en cada materia e en cada curso. Sen este currículo a educación non tería unha base clara, o que faría que a diversidade de currículos e de temáticas creen unha desigualdade entre as materias e os centro educativos de todo o estado.
Entre os elementos máis importantes do deseño curricular e das programacións didácticas derivadas atópanse: os obxectivos (por ensinanza e etapa), as competencias (dixital, comunicativa, sociais e cívicas, aprende a aprender, matemática...), os bloques de contidos establecidos no currículo, a metodoloxía, os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables. Na miña opinión, para conseguir aunar todos estes elementos o profesorado debe invertir tanto horas como vontade, porque pode que sexa fácil crear unha programación didáctica sen máis a partir dun libro de texto, pero creo que unha boa programación didáctica require un grande esforzo. Neste punto, a innovación e a actualización do profesorado, nas que sempre insisto, creo que son vitais para conseguir que o alumnado adquira unha serie de competencias e de contidos e ao mesmo tempo sexan quen de motivarse e aprender calquer tipo de materia mediante unha metodoloxía dinámica e que capte a súa atención en todo momento.
En definitiva, o deseño curricular é a base dos contidos, competencias e habilidades educativas, que establecen o primeiro paso a dar no proceso de aprendizaxe e educación, do que dependen tanto a capacidade do profesorado a innovar pero tamén da recepción e interese do alumnado.
Comentarios
Publicar un comentario