Tema 3
O traballo por proxectos é unha metodoloxía que permite e aporta ao proceso de ensinanza-aprendizaxe unha perspectiva moito máis dinámica e centrada no alumnado. Esta metodoloxía pon ao alumno ou alumna no centro de todo o proxecto a realizar, mentres que o profesorado é un simple mediador entre a información necesaria e a estruturación de cada actividade do proxecto. Por un lado, os proxectos fan que o alumnado desenvolva as máis que coñecidas competencias básicas, tales como: competencia dixital, aprender a aprender ou a de autonomía e iniciativa persoal (Arias et al., 2009). Por outro lado, permite ao profesorado implicar dunha forma activa ao alumnado na construción do propio coñecemento aplicando situacións reais que permitan valorar as experiencias e os coñecementos aplicados polo alumnado. Ademais, tamén facilita a propia motivación do alumnado, permitíndolles crear un proxecto dende cero tendo en conta as súas necesidades e os seus intereses. Polo tanto queda claro a cantidade de aspectos positivos que nos pode aportar a metodoloxía por proxectos na docencia, xa non só para a ensinanza de linguas estranxeiras, senón que é a preferida polos docentes para o traballo interdisciplinar.
Para a creación do noso traballo por proxectos partimos do libro de inglés Global coursebook pre-intermediate de Lindsay Clandfield, da editorial Macmillan. Trátase dun libro bastante completo que trata todas as habilidades e competencias que se establecen no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. Principalmente centrarémonos nun xogo de mesa que aparece na páxina 131 no apartado de Additional material, Unit 10, Speaking. Ademais creo que é bastante interesante traballar con este libro de texto xa que é monolingüe, o que permite que o alumnado se centre na lingua estranxeira a traballar, neste caso o inglés, e así non intente traducir todo o que van traballar. Polo tanto o que estamos tentando buscar é que o alumnado teñan unha maior inmersión lingüística que no día a día dunha clase de linguas estranxeiras.
O noso proxecto poderíase levar a cabo en cursos superiores da ESO ou en bacharelato, ademais ten como principais obxectivos afianzar as habilidades e capacidades do alumnado en speaking e writing, ademais tentaremos que o alumnado traballe en conxunto así como a colaboración e o coñecemento mutuo. O obxecto final deste traballo é a creación dun blogue individual partindo do xogo de mesa que temos na foto anterior. O blogue conterá cinco entradas nas que os rapaces terán que elixir partindo das temáticas que tratarán mediante o xogo. Estas entradas non serán sobre a súa opinión, senón que conterá as ideas do resto de compañeiros do grupo. Polo tanto, a primeira actividade a realizar é o xogo de mesa a través de speaking. Como se establece na propia actividade do libro, crearán grupos de tres ou catro persoas onde trataran esas temáticas, a maiores terán que ir collendo apuntamentos sobre o resto dos e das integrantes do grupo. As entradas do blogue terán a seguinte estrutura: título, introdución ao tema, a resposta do compañeiro ou compañeira, a túa opinión e a túa resposta ao tema. Deste xeito o que tentaremos é aplicar todos os coñecementos relacionados co writing que xa demos en aulas anteriores, tales como as formas de dar opinións na lingua estranxeira.
A avaliación que se levará a cabo será a seguinte: para a primeira parte do xogo mediante speaking, ao ser tanto alumnado, trataremos de facer unha avaliación a partir da observación obxectiva na clase, pasando polos grupos e vendo a fluidez e a capacidade do alumnado de expresarse na lingua estranxeira. Por outro lado, as entradas do blogue seguirán a seguinte rúbrica de avaliación:
En conclusión, o traballo por proxectos é unha metodoloxía que pode aportar moito máis que as competencias clave tan repetidas ao longo de todo o proceso de aprendizaxe. É un método de traballo que ademais de axudar a adquirir as competencias e contidos propios do currículo, pode aportar unha maneira moito máis dinámica e autónoma de traballo para o alumnado.
Rerefencias bibliográficas:
Rerefencias bibliográficas:
- Arias, A. et al. (2009). O traballo por proxectos en Infantil, Primaria e Secundaria. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Xunta de Galicia
- Clandfield, L. (2010). Global pre-intermediate. Oxford: Macmillan Education, p.13



Comentarios
Publicar un comentario