Tema 1: Marco Común Europeo de Referencia para as linguas.





Nesta segunda sesión da materia de As linguas estranxeiras no contexto nacional e internacional tratamos máis en detalle os puntos máis fundamentais do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. O MCERL é un proxecto europeo que pretende unificar e igualar os sistemas educativos nacionais en canto á formación, titulacións, metodoloxía e centros. Este marco céntrase principalmente na coñecida competencia lingüística e comunicativa sempre defendendo o multilingüismo perante o hexemónico bilingüismo. O seu obxectivo é mellorar a aprendizaxe das linguas estranxeiras, centrándose no seu contexto e os métodos a utilizar. Este marco desenvólvese nun contexto cada vez máis globalizado, que cada vez require máis a interculturalidade e a cooperación e colaboración entre estados. Este contexto é o principal causante da creación do MCERL, para así conseguir ter unhas referencias comúns a nivel europeo en canto a metodoloxías, avaliación e certificación de títulos.

En relación co anterior, nun primeiro momento creo que o punto máis importante e interesante deste marco é a busca do multilingüismo, tentando evitar o bilingüismo. O sistema educativo español é un claro exemplo deste bilingüismo, posto que, falando en termos xerais, moitas veces só se busca a consecución e adquisición dunha primeira lingua estranxeira; mentres que existe un gran número de deficiencias para adquirir unha segunda lingua estranxeira, algo que é fácil de denotar a través da experiencia do alumnado. Como establece Rafael Muñóz: “El aprendizaje de lenguas extranjeras en España sigue siendo una de las asignaturas pendientes del sistema educativo actual [...]no obedecen a un reajuste de un sistema que ofrezca resultados positivos y que persiga su mejora: la mayoría de estos obedecen a la alternancia política en el Gobierno de España” (2013, 66) . Por outro lado, outro aspecto de grande importancia e en relación co anterior, é o tema previamente mencionado da interculturalidade. Por que creo que é tan importante? Pois porque este aspecto é moitas veces esquecido no sistema educativo e en especial na aprendizaxe de linguas estranxeiras. A busca da adquisición das máis que coñecidas competencias clave  e dos contidos establecidos no currículo moitas veces deixa a un lado temas tan importantes como o patrimonio cultural, tan básico no contacto entre distintas culturas.

Na miña opinión, creo que o multilingüismo é importante xa non só polo feito de estar aprendendo diversas linguas estranxeiras, ampliando así as posibilidades laborais e educativas. Este aspecto tamén se trata dunha forma de aprendizaxe que permite ao alumnado crecer integralmente como ser humano. Isto atópase en continua relación coa interculturalidade, posto que a través do multilingüismo están en contacto con diversas e diferentes culturas que axudan á hora dese desenvolvemento integral da persoa. Unha educación que se considere digna de ser exemplo nunca debería esquecer que as diferentes sociedades sempre se atopan en contacto e polo tanto deben estar en contacto; coñecéndose as unhas ás outras, compartindo experiencias e historia.

En canto á aplicación de estes dous aspectos na aula de lingua estranxeira na secundaria e no bacharelato creo que se presente relativamente fácil. Existen infinidade de formas para a súa implementación e inclusión. Obviamente o nivel de implicación e entendemento do alumnado variará con respecto ao curso no que se atopen e ao individuo en concreto. Unha forma simple é tratar todas as habilidades e competencias de speaking, reading, writing e listening utilizando a infinidade de recursos que podemos atopar na web. Para reading e writing poderíamos utilizar artigos xornalísticos ou culturais; para o speaking e listening conferencias, vídeos de Youtube ou debates sobre cultura, política, arte ou temas relacionados coas relacións internacionais. Non se trata de un non poder, senón que creo que é un non querer, xa que o número de recursos aos que os docentes teñen acceso non se poden negar.

A modo de conclusión poderíase dicir que a aprendizaxe de linguas estranxeiras va moito máis alá do mero coñecemento lingüístico, para coñecer un idiomas diferente ao propio debemos coñecer o contexto do seu desenvolvemento. En ningún momento se podería dicir que un idioma só son palabras, hai moito máis que gramática, ortografía ou sintaxe. En definitiva, a interculturalidade é un aspecto de grande importancia para todo o alumnado que buscan ese multilingüismo, independentemente da idade e das capacidades individuais de cada alumnado. É indubidable que un idioma avanza ou retrocede dependendo do contexto no que se desenvolva. O MCERL é un proxecto necesario para ter obxectivos e métodos comúns que apoien todo o debatido anteriormente.





Referencias bibliográficas:




Comentarios

Entradas populares de este blog

Terceira Entrada Luz Valencia (06/02/18)

Entrada sesión Ana Fontenla e Luz Valencia (7/02/2018)

Tema 6. Dossier