Sesión Introdutoria
Nesta primeira
sesión o docente procedeu a facer unha introdución sobre os obxectivos e
contidos xerais da materia de As linguas estranxeiras no contexto nacional e
internacional. Algúns dos elementos dos que versaremos ao longo das sesión con
este docente atópanse: políticas lingüísticas da Unión Europea, a política
lingüística do estado español e da comunidade autónoma de Galicia, os sistemas
de acreditación lingüística oficiais como o Marco Común Europeo de Referencia
de Linguas ou a atención á diversidade lingüística. Ademais, as catro facetas a
desenvolver durante este curso serán: informativa, reflexiva, innovadora e
orientadora. Poderíase dicir que o obxectivo final da materia é capacitar ao
alumnado para adquirir as capacidades e habilidades para aplicar os
coñecementos aprendidos nesta materia á práctica docente.
Nesta sesión
introdutoria comentamos os distintos factores contextuais que inflúen no
proceso de ensinanza-aprendizaxe de linguas estranxeiras, entres estes
destacan: o contexto xeográfico, histórico e político; o contexto físico e
tecnolóxico; o contexto temporal; contexto económico, social e racial; contexto
sanitario; contexto xenérico; e contexto educativo específico. Na miña opinión hai
diversos factores que creo que estaban desatendidos na miña aprendizaxe de
linguas estranxeiras. Nun primeiro momento, destaca o contexto xeográfico e
político, posto que non se pode pretender que nunha comunidade histórica como
Galicia se tente buscar unha educación plurilingüe cando a lingua propia é
minoritaria e continua a ser minorizada mediante unhas políticas que pouco a
defenden. Outro factor que destaca para min sería o factor social, posto que a
aprendizaxe de linguas estranxeiras no sistema educativo español nunca obtivo
un total éxito neste ámbito. E finalmente o factor que máis destaca para min é
o do contexto físico.
Creo que todos os
factores antes mencionados influíron negativamente na miña aprendizaxe, uns máis
que outros. O factor más negativamente influinte foi o do contexto físico, pero
non por motivo da organización da clase, senón polos docentes e a súa práctica.
Nunca pretendo menosprezar o seu traballo, mais creo que a súa práctica docente
non foi a correcta. O motivo principal é levar a cabo unha clase maxistral sen
actualización e aproveitando pouco a coñecida dixitalización da aula que tanto
promove a Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade
educativa. Por outro lado creo que a pretensión da Xunta de Galicia por buscar
unha educación plurilingüe afectou negativamente na calidade do ensino, posto
que como establecín antes é complicado impartir materias que non son
específicas de lingua estranxeira formando tan escasamente a ese profesorado,
que en ocasións non está familiarizado coas técnicas apropiadas.
Segundo a miña
opinión creo que se podería resolver parte dos problemas derivados dos factores
antes mencionados. Atendendo ao contexto físico, creo que se debería formar de
forma continua ao profesorado, tendo en conta a antes mencionada dixitalización das aulas, xa que penso
que se trata dun factor de importancia e altamente motivador para o alumnado. Así,
poderíamos deixar de un lado o tradicional libro de texto para a práctica
mediante exercicios de repetición, e decantarnos por unha dinámica de aula
distinta, motivando ao alumnado e tendo en conta os seus intereses. En canto ao
contexto político, creo que como docente non podería aportar ningún tipo de
solución porque é unha competencia que corresponde ao goberno autónomo. Sen
embargo si que me gustaría dicir que as políticas lingüísticas galegas creo que
deberían primeiro establecer unhas bases de defensa da lingua propia, para
posteriormente optar por unha educación plurilingüe acorde cos obxectivos
europeos.
En conclusión, creo
que falta moito por camiñar cara unha educación e sociedade plurilingüe tendo
en conta as mala estatísticas do estado español no informe PISA. Creo que todo
se resume nun problema de base, xa que os continuos cambios de lexislacións
afectan de grande maneira á educación e ao sistema educativo.

Comentarios
Publicar un comentario