Primeira Sesión Ana Fontenla

O martes, 16 de xaneiro do 2018, tivemos a nosa primeira sesión coa docente Ana Fontenla, profesora no IES Carlos Casares. Primeiramente, gustaríame dicir que me parece moi interesante e totalmente esencial ter contacto real coa secundaria neste mestrado, posto que o noso obxectivo principal é impartir clases nun futuro na ESO e bacharelato. Polo tanto, esta primeira toma de contacto real cunha profesora que imparte clase en secundaria e bacharelato, pareceume moi importante á vez que práctica. Deixamos de lado a parte tan teórica deste mestrado, para meternos de cheo no que nos imos enfrontar xa non só no noso futuro como docentes, senón nas propias prácticas que debemos realizar a partir do mes de febreiro nun instituto. Ademais, este aspecto creo que foi moi ben acollido por todas as miñas compañeiras, xa que precisabamos deixar dun lado a teorización para achegarnos un pouco máis á práctica docente real. 



Como comezo, pareceume clave a insistencia que se fixo ao inicio da clase de dous puntos tan esenciais e dispares como son: a primeira aula de linguas estranxeiras e a atención á diversidade. Por un lado, a importancia que adquire a primeira aula moitas veces e escasa ou incluso inexistente, sen embargo como xa se estableceu nesta primeira sesión creo que é de grande relevancia facer unha primeira toma de contacto con todo alumnado, non só para coñecelo e para que se coñezan, senón para poder adaptar a nosa práctica á dinámica que se estableza na aula dende un primeiro momento. Obviamente, o coñecemento do alumnado e das súas similitudes e diferenzas é básico para crear unha dinámica boa, motivadora e funcional; mais o achegamento do profesorado cara o alumnado, establecendo unha relación máis próxima, sen crear unha pirámide de poder é básica para recoller unha resposta adecuada. Está claro que sempre se deben establecer unha serie de límites e normas tendo en conta que estamos ante un alumnado adolescente, moitas veces en fases conflitivas ou simplemente de cambios físicos e de personalidade. Ademais, esta primeira sesión é onde se pode activar esa motivación intrínseca do alumnado, onde se lle amosa a materia de linguas estranxeiras como algo que deben e queren aprender. Unha estratexia que ben se podería levar a cabo nesta primeira toma de contacto son as coñecidas como actividades de aprendizaxe, xa que como se establece no Diccionario de Términos Clave de Ele: “es típico realizar una actividad de rompehielos cuando empieza el curso, para que los alumnos de una clase empiecen a conocerse entre sí”. Este sería un claro exemplo da aplicación de actividades de aprendizaxe para comezar unha primeira aula.

Por outro lado, a atención á diversidade creo que supón un punto de inflexión entre unha boa e unha mala práctica docente. É moi sinxelo chegar á clase, pronunciar o discurso tradicional cos contidos da materia e rematala con exercicios de repetición, mais, na miña opinión, non podemos levar a cabo unha teoría tan arcaica cando a diversidade de alumnado é tan grande na actualidade. Nas últimas lexislacións como a coñecida LOMCE, está moi presente este termo de atención á diversidade, mais as estratexias a aplicar son moi escasas. Polo tanto, como docentes debemos argallar as nosas propias estratexias para ter en conta as diferenzas e a diversidade que temos en aulas cada vez máis saturadas. Como non existen dúas persoas total e perfectamente iguais, tampouco existe un alumnado que aprenda, socialice ou se desenvolva do mesmo xeito. Así, a nosa práctica docente sempre debe ter en conta este aspecto tan importante, porque o noso obxectivo final é conseguir que o alumnado adquira uns coñecementos que se nos establecen dende un currículo, pero tamén axudar a que se convertan en persoas cun pensamento crítico, autónomas e responsables. 

Outro punto que me pareceu moi interesante foron as diversas actividades que se nos amosou en clase. Moitas veces insístesenos na importancia de motivar ao alumnado mediante actividades totalmente innovadores a través da utilización das TICs, posto que temos infinidade de recursos online. Mais, como xa temos debatido anteriormente na aula, non ten que ser esencialmente un traballo mediante as novas tecnoloxías, posto que moitas veces podemos chegar a saturar ao alumnado. Obviamente podemos utilizar recursos como o storytelling de Jamie Keddie, mais como establece a propia docente non debemos utilizar recursos audiovisuais demasiado longos ou tediosos que poden levar ao alumnado ao aburrimento. Existen infinidade de maneiras de atraer a atención do alumnado, e estas non teñen que ser exclusivamente tecnolóxicas, a innovación non pode nin debe depender exclusivamente do que coñecemos como Educación 2.0

Finalmente, tamén me gustaría tratar unha cuestión que se mencionou nesta sesión, a da vocación do profesorado. Creo que na actualidade, debido á situación que está a sufrir a educación, é imprescindible que os novos e novas docentes teña total vocación por esta profesión, para actualizar e mellorar todo o sistema hai que comezar dende as bases, e que mellor forma que comezando co profesorado. Xa non se basea en ter ganas de traballar, senón ganas de educar e ensinar ao alumnado, de darlle a importancia que realmente ten dentro do noso sistema. Aínda que o noso obxectivo máis básico sexa ensinar unha serie de contidos, non debemos esquecer que son persoas en proceso de formación e conformación, e que como se soe dicir “son a sociedade do futuro”.


Comentarios

  1. Alégrome de que a sesión te parecera de utilidade polo práctica e real que foi.Ese era sen dúbida o meu obxectivo. Concordo contigo na importancia que lle das ó tema da vocación.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Terceira Entrada Luz Valencia (06/02/18)

Sesión debate 8/3/2018